Proxectan crear un gran parque infantil, de última xeración, en Campolongo

Pontevedra
20 de outubro 2016

O concelleiro Luis Bará anunciou que queren que en 2018, Campolongo conte cun parque infantil que sexa un buque insignia deste tipo de instalacións. Tamén están previstas actuacións nos parques das Palmeiras, Médico Ballina, Monte Porreiro e Barcelos

Parque de Campolongo
Parque de Campolongo / Mónica Patxot

O parque de Campolongo será reformado durante 2017 para poder dar cobertura a un gran parque infantil de xogos, que atenda a demanda veciñal neste barrio da cidade. O concelleiro de Obras, Luís Bará, indicou que o goberno local é consciente de que na actualidade o Parque de Campolongo atópase "infradotado" en canto a equipamentos infantís xa que só conta co Parque do Cogomelo, pero os aparellos dese espazo son para nenos moi pequenos.

Tamén existen outros elementos destinados a que as persoas de avanzada idade realicen exercicios na praza da Constitución, fronte ás Piscinas. Luís Bará sinalou que eses aparellos non cumpren a súa función e están a ser utilizados polos escolares. Por ese motivo, o goberno local quere retiralos e deixar paso a un parque infantil de última xeración que se converta en "buque insignia" destes espazos en Pontevedra, que conten con xogos para persoas con discapacidade. Tampouco descartan substituír o estanque da praza da Constitución, que non satisfai ao goberno municipal.

A idea que manexan desde o Concello é que se poida realizar o proxecto ao longo de 2017 e poida estar finalizado en 2018.

Por outra banda, o concelleiro avanzou que tamén se incluirán xogos para persoas con discapacidade e van eliminarse algúns obstáculos entre os diferentes espazos no remodelado Parque de Barcelos.

O vindeiro luns, Bará reunirase cos veciños de Monte Porreiro para estudar as actuacións que van levar a cabo nos parques da urbanización ante os danos por vandalismo que se rexistraron. Tamén está previsto intervir no parque de Médico Ballina coa instalación de pistas polivalentes e xogos infantís.

Por últimos, no parque das Palmeiras acometerase nos próximos días unha mellora no estanque dos parrulos, que estaba a sufrir problemas de filtración, e no pombal. Ademais, darase un novo tratamento á zona situada fronte ao goberno militar porque as raíces das árbores levantaron as baldosas da beirarrúa.