Proxectan organizar unha nova protesta en Chancelas tras outro accidente na PO-308

Poio
04 de setembro 2019

Tres vehículos impactaban na tarde deste martes nas proximidades da praia da Ouriceira, onde en xullo foi atropelado un menor. Ante esta situación, a Plataforma PO-308 estuda convocar outra protesta para pedir medidas de seguridade urxentes nesta estrada

Protesta en Chancelas para reclamar pasos de peóns
Protesta en Chancelas para reclamar pasos de peóns / PontevedraViva

Tres vehículos impactaban na tarde deste martes nas proximidades da praia de Ouriceira, en Chancelas, municipio de Poio. Non se rexistraron danos persoais de consideración pero o accidente rexistrábase nun lugar próximo onde un turismo atropelaba a un menor no mes de xullo e que acabou na convocatoria dunha protesta veciñal posteriormente para reclamar seguridade na PO-308.

Despois deste accidente, a plataforma da PO-308 estuda convocar nos próximos días un novo acto de protesta para manifestar o seu malestar pola inseguridade desta estrada e para instar á Xunta de Galicia, titular desta vía, a que adopte medidas urxentes, antes do inicio do curso escolar, que garantan a seguridade de peóns e condutores.

Neste tramo da estrada o límite da velocidade é de 70 km/ h. sen pasos de peóns nin medidas de protección malia que se trata dun punto no que historicamente se rexistraron numerosos accidentes de gravidade con vítimas mortais.