Proxectan un novo local social multiusos no andar superior do almacén municipal de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
26 de xaneiro 2019

O recinto contará con 290 metros cadrados e está previsto que as obras comecen o vindeiro mes de febreiro. Os traballos xa están adxudicados, por 131.000 euros, á empresa Degalle Construcciones

Jorge Cubela visita o almacén municipal
Jorge Cubela visita o almacén municipal / Concello de Cerdedo-Cotobade

En febreiro comezará a construírse un novo local social multiusos en Cerdedo, segundo anunciaba Jorge Cubela, presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, este sábado 26. 

Este espazo pretende cubrir as demandas realizadas sobre todo por persoas de idade avanzada. Desta forma vai levantar un piso superior no almacén municipal, que se utiliza para gardar materiais do Concello.

O proxecto xa finalizou a tramitación administrativa e de licitación. Foi adxudicado á empresa Degalle Construcións para a súa execución por un importe de 131.000 euros, cunha baixada de 34.000 euros sobre o orzamento previsto inicialmente.

Está previsto que seis traballadores se dediquen a tempo completo á construción deste espazo que terá unha finalidade social, cunha superficie de 290 metros cadrados. Terá grandes dimensións para permitir que se impartan cursos de formación e diversas actividades, destinadas principalmente á terceira idade.

O recinto atópase moi preto do CEIP San Xoán Bautista, do pavillón municipal e do cuartel da Garda Civil, da residencia de maiores e da gardería.