O Concello de Pontevedra e o departamento de I+D+i da empresa pontevedresa Setga acaban de poñer en marcha un proxecto piloto no tramo peonil da rúa Benito Corbal que regula de xeito automático o fluxo luminoso e o cambio de temperaturas de cor do alumeado público a medida que avanza o día.
No marco deste proxecto xa se instalou un sistema pioneiro pola súa tecnoloxía e innovación que implica a aplicación da chamada tecnoloxía Circadionic e o seguimento dos ritmos circadianos, os cambios físicos, mentais e de conduta que experimenta o organismo nun ciclo de 24 horas co cambio de luz e a escuridade do ambiente.
A implantación do sistema Circadionic no tramo peonil comprendido entre Daniel de la Sota e Sagasta comezou co cambio das lámpadas existentes por módulos iluminación de tecnoloxía LED aportando reducións de consumo eléctrico dun 80%.
Ademais, estes módulos contan cun control dinámico, que adapta o fluxo de luz e a súa temperatura de cor ás distintas necesidades dos cidadáns segundo o momento do día.
ASÍ SERÁ A NOVA ILUMINACIÓN:
O sistema Circadionic regula de xeito automático o fluxo luminoso e o cambio de temperaturas de cor, desde luz cálida (2700k) dun aspecto alaranxado ata unha luz neutra (4000k) e un branco máis puro. Estes valores varían gradualmente desde o aceso no atardecer ata o apagado ao amencer, con patróns que aportan a luz necesaria para cada momento.
Durante a tarde, especialmente nos meses de outono-inverno, cando o sol desaparece ao redor das 19.00 horas, as luminarias acéndense para prolongar a actividade nas rúas de forma segura. Para iso, o sistema Circadionic inicia a iluminación cun nivel alto de fluxo e empregando unha temperatura neutra, con iso os peóns e condutores mantéñense activos e nun estado de alerta.
Sobre as 21.00 e as 22.00 horas, cando a actividade comercial finaliza e a xente desprázase a acubillarse nos seus fogares para descansar, o sistema Circadionic adapta a luz reducindo a intensidade e proporcionando unha luz máis cálida que non impida a segregación de melatonina, responsable do correcto descanso.
Ben entrada a noite, cando a actividade cesou e son poucas as persoas que pasean pola cidade, a iluminación redúcese a niveis mínimos con seguridade e a temperatura de cor do branco pasa a ser cálida (2700k), que non interfire na segregación da melatonina e, polo tanto, no correcto descanso.
A futura integración con outros sistemas permitirá a forzas de seguridade e servizos de emerxencia, ter o control para incrementar os niveis de iluminación e temperatura de cor para facilitar o seu labor en escenarios de urxencia.
VANTAXES:
Desde o Concello destacan que este novo sistema experimental axuda a previr o impacto da luz artificial sobre os ciclos circadianos das persoas e preservar o medio ambiente.
Para o deseño deste proxecto, o Concello parte da base de que luz, natural ou artificial, é parte importante nas funcións de regulación do corpo, como a hormona da melatonina, producida pola glándula pineal que regula diversas funcións no corpo, especialmente na regulación do ciclo soño-vixilia.
Mediante a redución da luz reflectida cara ao ceo e a xestión de temperaturas de cor con menor aporte de compoñente azul, redúcese a contaminación lumínica, propíciase a observación do ceo estrelado e redúcese o impacto sobre a flora e a fauna. Ademais, a través das reducións de intensidade rebáixase o consumo eléctrico e o seu impacto na pegada de carbono.
O proxecto enmárcase dentro da campaña Efecto PO2, que está a contribuír ao posicionamento internacional da cidade pola súa calidade de vida, polo seu respecto polo medio e pola democratización social.