Representantes do PSdeG-PSOE de Pontevedra alertan do deterioro do firme e da falta de elementos básicos de seguridade na estrada autonómica PO-224, que conecta Bora con Barro, un vial que cualifican de "fundamental" para a mobilidade diaria na zona.
A ruta, de case 11 quilómetros, soporta un importante volume de tráfico tanto de vehículos como de peóns, especialmente no treito próximo ao complexo deportivo do Pontillón do Castro, onde se sitúa o centro de piragüismo e se desenvolven actividades deportivas de carácter autonómico e estatal.
Durante a visita ao terreo, na que participaron o portavoz municipal socialista Iván Puentes, xunto cos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey e a parlamentaria autonómica Paloma Castro, os representantes do PSdeG percorreron varios puntos da estrada para comprobar o seu estado.
Segundo sinalan, atoparon fochancas, desgaste xeneralizado do firme e ausencia de elementos de protección para peóns en zonas de especial tránsito.
Iván Puentes reclamou á Xunta de Galicia actuacións "urxentes" que inclúan a reposición do asfaltado en todo o treito afectado e a habilitación de beiravías e pasos de peóns.
Máis alá das actuacións inmediatas, o portavoz socialista defendeu a necesidade de avanzar nun proxecto con maior alcance que permita mellorar o trazado da estrada, ensanchar carrís e reducir curvas pronunciadas.
Segundo explicou, trátase dunha vía con potencial para funcionar como "circunvalación natural" entre o norte e o sur do municipio de Pontevedra, dada a súa intensidade de uso.
Puentes vinculou ademais esta proposta coa previsión de que non se execute finalmente o trazado da autovía A-57 pola zona de Bora e Xeve, o que, ao seu xuízo, reforza o papel estratéxico da PO-224.
O portavoz socialista sostén que a escasa presenza de vivendas ao longo do percorrido facilitaría, na súa opinión, unha eventual remodelación do vial, incluíndo ampliacións de sección e rectificación de curvas sen grandes afeccións á veciñanza nin ao medio ambiente.
A situación da PO-224 chegará tamén ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa que impulsará a deputada socialista Paloma Castro que criticou o que definiu como unha estratexia de "botar balóns fóra" por parte do goberno autonómico na xestión do mantemento das estradas.