O PSOE alerta das consecuencias para Pontevedra do rexeitamento do PP ao decreto social

Pontevedra
27 de xaneiro 2025

Marica Adrio, deputada socialista, asegura que a falta de apoio parlamentario do PP terá unha grave repercusión entre os pensionistas e a mocidade pontevedresa

Paloma Castro, Marica Adrio, Iván Puentes e Yoya Blanco
Paloma Castro, Marica Adrio, Iván Puentes e Yoya Blanco / PSOE Pontevedra

O PSOE de Pontevedra denuncia as graves repercusións que terá para a cidade o voto en contra do PP ao decreto do Goberno central que incluía a revalorización das pensións e outras medidas sociais.

Segundo os socialistas, esta decisión afectará directamente a máis de 16.000 pensionistas pontevedreses, que verán reducida a súa pensión en febreiro.

O portavoz municipal socialista, Iván Puentes, acompañado pola deputada Marica Adrio e outros representantes do partido, advertiu que o impacto desta votación estenderase tamén aos 60.000 usuarios mensuais do transporte público da cidade, que terán que pagar máis polo seu billete, así como ao millón e medio de viaxeiros que utilizan anualmente a estación de ferrocarril de Pontevedra.

Especialmente preocupante, segundo os socialistas, é o impacto sobre a mocidade.

Os representantes locais lembran que preto de 90.000 persoas menores de 34 anos verán limitadas as súas posibilidades de acceder a unha vivenda digna ao non aprobarse as axudas directas ao alugueiro e á compra previstas no decreto.

A deputada Marica Adrio subliñou que o rexeitamento do PP afecta tamén a outras medidas fundamentais como as axudas aos afectados pola Dana, o bono social eléctrico para familias vulnerables e a mellora da fiscalidade para autónomos.

Segundo a parlamentaria, a decisión dos populares prexudica especialmente a pensionistas da provincia, que non verán incrementadas as súas pensións nun 2,8% como estaba previsto, mentres que as non contributivas e as máis baixas perderán unha suba de entre o 6% e o 9%.

Os representantes socialistas cualificaron a decisión do PP como "irresponsable" e "nefasta", asegurando que responde máis a cálculos electorais que aos intereses reais da cidadanía pontevedresa.