PSOE e BNG asinan o acordo para cogobernar Vilaboa os próximos catro anos

Vilaboa
09 de xullo 2019

Vilaboa terá un novo goberno bipartito á fronte do Concello. Socialistas e nacionalistas, tras un longo período de negociación, chegaron a un acordo para gobernar xuntos o municipio durante o próximos catro anos

PSOE e BNG asinan o pacto de goberno en Vilaboa
PSOE e BNG asinan o pacto de goberno en Vilaboa / PontevedraViva

Vilaboa terá un novo goberno bipartito á fronte do Concello. Socialistas e nacionalistas, tras un longo período de negociación, chegaron a un acordo para gobernar xuntos o municipio durante o próximos catro anos.

O pacto, que se asinou na noite do luns, foi rubricado polo alcalde de Vilaboa, Francisco Costa, e a portavoz municipal do BNG, Ornela Fernández, que será a tenente de alcalde única e coordinará as áreas de responsabilidade dos tres edís do seu grupo.

O PSOE, ademais de ostentar a Alcaldía como partido máis votado, asumirá as competencias en Facenda, Urbanismo e Infraestruturas, Medio Ambiente e Crecemento Sustentable, Servizos Sociais e Migración, Educación e Novas Tecnoloxías, Turismo e Deportes e Sanidade e Consumo, segundo recolle o acordo entre ambos os partidos.

Pola súa banda, o BNG xestionará as áreas de Servizos e Obras, Promoción Económica e Sectores Produtivos e Cultura, Mocidade e Normalización Lingüística.

O alcalde terá unha dedicación exclusiva duns 2.500 euros líquidos, similar ao soldo que tiña no seu traballo; mentres que o BNG poderá dispoñer dunha dedicación exclusiva ou parcial que estará cifrada na metade do soldo do alcalde, é dicir, uns 1.250 euros mensuais.

Crearase tamén unha comisión de seguimento do pacto de goberno que se reunirá cada tres meses para resolver as discrepancias que poidan xurdir na xestión municipal; e de cara o orzamento municipal ambos os partidos aseguran que estará "axustado" ás necesidades do Concello e todas as áreas de goberno terán unha partida "definida" que será "consensuada".

A Xunta de Goberno, pola súa banda, estará formada por tres membros do PSOE e dous do BNG; e o pleno seguirá sendo de carácter bimensual, o último venres de cada mes ás 20.30 horas. As comisións, pola súa banda, terán dous representantes do PSOE, dous do PP e un do BNG. A asignación por asistencia será de 48 euros.

Ademais, cada grupo político recibirá 100 euros mensuais e dez euros máis por cada concelleiro.