"Que se lle dá de comer a un neno por 10 céntimos?"

Pontevedra
18 de setembro 2014

O sindicato CIG denuncia a adxudicación á baixa do servizo de cociña dos comedoras das garderías dependentes da Xunta que, segundo denuncian, reduce o horario de atención aos menores e rebaixa a calidade da comida

Representantes da CIG denuncian a adxudicación á baixa do servizo de comidas das garderías da Xunta
Representantes da CIG denuncian a adxudicación á baixa do servizo de comidas das garderías da Xunta / PontevedraViva
Denuncian a perda de calidade dos comedores das garderías da Xunta /

A empresa Freire Chico Airas Catering é a encargada do servizo de comida das gardarías da Galiña Azul da Xunta de Galicia tras a adxudicación a esta entidade que ofreceu unha proposta de 4.900.000 euros, 800.000 euros por debaixo da cifra de 5.690.000 euros que marcaba a Xunta. Esta concesión provocou que saltasen as alarmas no sindicato CIG que afirma que dende o 1 de setembro a empresa xa se encontra á fronte dalgúns comedores porque a anterior adxudicataria abandonou a concesión e, a partir do 1 de outubro, Freire Chico se fará cargo do servizo de comida de todas as gardarías da Xunta.

Marcos Cadórniga, de CIG-Servizos, denunciaba que a empresa xa obrigou as traballadoras deste servizo a asinar unha redución de xornada e que, entenden, vai repercutir na calidade da atención aos menores de 0 a 3 anos durante as comidas xa que, ao mesmo tempo, que atenden aos bebés deben realizar os labores de limpeza do material da cociña para cumprir co seu horario laboral. "Queremos denunciar a política privatizadora do PP, dos servizos públicos. Parécenos lamentable que se recorte na comida de nenos e na atención. E imos estar enriba desta situación", afirman dende a CIG.

O sindicato nacionalista entende que esta rebaixa presupostaria vai ter consecuencias na calidade da alimentación dos escolares. Segundo denuncian xa notaron nos comedores escolares, que asumiu a empresa, a diminución da calidade da comida porque sinalan que a empresa oferta merendas por 10 céntimos e as comidas entre 3,05 e 3,50 euros, dependendo do lote. Cadórniga e as representantes da CIG pregúntanse que se lle pode dar de comer a un neno por 10 céntimos.

Por este motivo poñeranse en contacto coa Inspección de Traballo, con Sanidade e coas ANPAS para levar un control sobre a calidade da comida e do servizo que se ofrece a través desta empresa adxudicataria durante o presente curso escolar.