Que traballos asumen as persoas empregadas a través da Deputación ata finais de ano?

Sanxenxo
04 de novembro 2015

En Sanxenxo xa se incorporaron 20 traballadores que están realizando diferentes funcións con xornadas semanais de 35 horas. Entre outros labores manteñen en bo estado as dunas de Portonovo e A Lanzada 

Operarios de obras do Plan da Deputación en Sanxenxo
Operarios de obras do Plan da Deputación en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Vinte persoas incorporáronse ao persoal de traballadores do Concello de Sanxenxo a través do Plan da Deputación Provincial para durante dous meses realizar diferentes traballos neste municipio.

Algúns dos empregados a través deste programa encargáronse de labores de pintado e mantemento da antiga Casa de Cultura de Dorrón e da recuperación do lavadoiro de Gondar. Os operarios destinados a Obras encargaranse tamén durante os próximos días da limpeza das reixas e canaletas das augas pluviais co obxectivo de que estean en mellores condicións de absorción para o momento en que comecen as choivas fortes, segundo informa o Concello de Sanxenxo.

Tamén se acometen durante estes días a limpeza nas praias e a atención nos xardíns, cunha especial atención a poda de árbores. Estes traballos permitirán manter as dunas de Portonovo e A Lanzada, coa eliminación de cascallos e o mantemento dos paseos marítimos.

A Deputación achega, a través dunha subvención para a contratación do persoal, 58.390 euros que se destinan a sufragar os gastos derivados da incorporación ao persoal municipal de 5 administrativos, 7 peóns forestais, 6 agrícolas, 6 para xardinería e outros 6 de obras públicas en xeral que desempeñarán estes traballos con xornadas de 35 horas semanais durante novembro e decembro.