Queimada gratuíta e actuacións musicais alumearán a Festa Gastronómica do Emigrante

Ponte Caldelas
08 de xullo 2023

O evento que se celebra na Alameda de Ponte Caldelas estará amenizado polos Mariachis de Leonardo Flores na noite de sábado e pola banda de versións Four Passenger na noite deste venres. O sábado ao mediodía actuará Aires da Castrelada e Catro Ventos animará a sesión vermú o domingo

Festa do Emigrante 2023
Festa do Emigrante 2023 / Concello de Ponte Caldelas

Sete países estarán representandos no evento gastronómico que se celebra esta fin de semana na Alameda de Ponte Caldelas, a Festa Gastronómica do Emigrante. 

En 2022 repartíronse máis de 20.000 pratos e, nesta ocasión, están previstas diversas actuacións musicais para animar o evento. 

Four Passengers, encargados de realizar versións, actuarán durante a cea do venres. O sábado ás 13.30 horas comezará a actuación de Aires da Castrelada e os Mariachis de Leonardo Flores ofrecerán un recital a partir das 21.30 horas. 

Xa o domingo 9, Catro Ventos será a agrupación encargada de amenizar a comida ao mediodía.

Nas noites do venres e do sábado celebrarase unha gran queimada con esconxuro e repartición do licor, de balde, entre as persoas asistentes.

A Festa ofrece sete postos con propostas culinarias doutros tantos países, ademais tamén estarán dispoñibles dous postos de panadería. Cada espazo ofrecerá un prato e bebida ao prezo de seis euros.

Ademais, en cada posto ofreceranse outras comidas e bebidas típicas de países como Brasil, México, Venezuela, Alemaña, Bélxica, Itala e tamén de Galicia. Nesta ocasión, instaláronse 1.200 cadeiras no recinto.