Queixa da corporación cuntiense pola falta de resposta do conselleiro de Sanidade

Umia
20 de xuño 2018

A corporación municipal de Cuntis deu traslado ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da queixa deste Concello pola falta de atención por parte da Consellería de Sanidade ás diversas solicitudes efectuadas dende esta alcaldía de entrevista co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña

Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade
Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade / Mónica Patxot

A corporación municipal de Cuntis deu traslado ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da queixa deste Concello pola falta de atención por parte da Consellería de Sanidade ás diversas solicitudes efectuadas dende esta alcaldía de entrevista co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña.

Estas solicitudes foron enviadas tanto por correo electrónico como por correo ordinario a esa consellería, "de xeito reiterado e sen lograr, en ningún momento, a cita requerida", din desde o Concello.

Tanto o alcalde, Manuel Campos, como os demais membros da corporación municipal queren amosar o seu "descontento polas deficiencias do centro de saúde de Cuntis", o que xa manifestaron reuníndose cos grupos con representación no Parlamento de Galicia.

O obxectivo desta reunión, que non se levou a cabo, era exporlle ao conselleiro a "grave problemática existente" neste centro con respecto, sobre todo, á "falta de médicos suficientes para o seu correcto funcionamento e correcta atención" á veciñanza e polo tanto do "descontento xeneralizado" dos pacientes que teñen que esperar varios días para ser atendidos.

Asímesmo e, en nome dos demais concelleiros e do propio alcalde exprésase a queixa da "falta de atención e interés" amosada pola Consellería de Sanidade no tema, polo que, a través deste escrito, solicitan a Núñez Feijóo que xestione a reunión solicitada.