Quéixanse da instalación dun lombo á porta do garaxe

Pontevedra
22 de xaneiro 2018

Uns veciños da parroquia de Salcedo manifestan o seu malestar ante a instalación dunha destas estrutura para reducir a velocidade na saída do seu garaxe. Sinalan que o lombo está mal deseñado e cáusalles danos nas defensas dos seus vehículos ao intentar entrar en el domicilio

Dificultades para acceder a un garaxe en Salcedo pola presenza dun lombo / Iván Rivas

Levan presentados dous escritos no rexistro do Concello de Pontevedra reclamando unha solución a un problema que se atoparon o pasado verán e aseguran que seguen sen obter unha resposta satisfactoria. Uns veciños de Salcedo denuncian que se lles instalou un reductor de velocidade xusto na entrada ao garaxe da vivenda, situada nas proximidades do colexio desta parroquia.

Sinalan que a obra se realizou cando residía só na vivenda un familiar de idade avanzada e con problemas de saúde.

Agora, o resto dos integrantes da familia atópanse a diario cun grave problema para acceder ao garaxe debido a que o deseño do "lombo" provoca que as defensas dos tres vehículos que habitualmente acoden a ese domicilio resulten danadas ao golpear contra a superficie debido á diferenza de alturas nos peraltes. 

Os afectados piden que o Concello de Pontevedra lles ofreza unha solución para evitar estas dificultades no acceso ao garaxe da vivenda.