Queixas en Cerponzóns pola situación dos postes de telefonía

Pontevedra
27 de decembro 2023

A asociación veciñal O Chedeiro sinala que, malia chamar a Telefónica continuamente, a compañía non retira postes que permanecen desde hai tempo en mal estado e en situación de risco para as vivendas. Sinalan que mesmo hai postes sen cableado e sen uso que a empresa telefónica se nega a eliminar da parroquia pontevedresa

Un poste de telefonía, apoiado en cables, sobre un camiño de Cerponzóns
Un poste de telefonía, apoiado en cables, sobre un camiño de Cerponzóns / PontevedraViva

A veciñanza da parroquia pontevedresa de Cerponzóns está farta. Leva tempo reclamando a retirada de vellos postes de telefonía sen que ninguén atenda as súas peticións.

Explican que estes elementos de madeira supoñen un risco para a poboación ao atoparse apoiados contra as vivendas ou noutros cables.

Tanto residentes particulares como representantes da asociación de veciños O Chedeiro chaman de maneira frecuente a Telefónica como compañía responsable destes postes para reclamar a súa substitución ou a súa reparación pero sen éxito algún.

Denuncian que desde a compañía lles notifican un código de referencia pero xa non volven poñerse en contacto para dar solución ás demandas veciñais.

Grave é o caso dunha veciña do lugar de Tilve que sofre humidades na vivenda e quere instalar un canlón para controlar as augas de choiva e evitar os danos na súa casa. Pero a presenza do poste que se apoia no tellado impide que poida realizar a obra.

Outro dos postes medio derrubado atópase sobre un camiño impedindo o paso de furgonetas de grandes dimensións. Desde o Concello de Pontevedra instaláronse unhas bandeiras de alerta para evitar o acceso como solución temporal, pero os veciños insisten en que debe ser a compañía de teléfonos quen resolva "o problemón" canto antes.

"Deberían substituílos", afirma Juan José Esperón, secretario da asociación O Chedeiro, "pero non nos fan caso ningún".

Alertan, ademais, de que algúns dos postes que permanecen na parroquia carecen de uso xa que a compañía retirou o cableado ao instalar outras estruturas cercanas elaboradas cun material máis estable.  Con todo, a compañía telefónica deixou os vellos elementos abandonados e sen visos de que teñan previsto retiralos proximamente.