Queixas pola invasión de maleza nas beirarrúas de Monte Porreiro

Pontevedra
31 de agosto 2019

Residentes na urbanización afirman que as matogueiras nas leiras abandonadas preto das beirarrúas cubren os espazos de tránsito provocando dificultades para camiñar por rúas como Alemaña ou Portugal

Queixas pola presenza de maleza nas beirarrúas de Monte Porreiro
Queixas pola presenza de maleza nas beirarrúas de Monte Porreiro

Residentes da urbanización de Monte Porreiro quéixanse do abandono que a diario comproban na limpeza e coidado nas rúas. Sinalan que a maleza de leiras abandonadas próximas ás beirarrúas medrou ao longo do verán e en diversos puntos invaden as zonas de paso dos peóns dificultando o tránsito.

Afectados por esta situación denuncian que nas rúas Alemaña ou Portugal resulta moi difícil pasear, sobre todo cun carro de bebé ou cunha cadeira para persoas con mobilidade reducida, polas beirarrúas debido á presenza de matogueiras e de silveiras que foron reducindo a zona de paso.

Reclaman unha intervención por parte dos servizos municipais para que se acometa a limpeza nas beirarrúas de todo o barrio. Sinalan que no paseo do río Lérez si se levou a cabo a eliminación de maleza mentres que na zona urbana non se adopta ningunha medida.

A primeiros de agosto, os servizos municipais de Parques e Xardíns levaron a cabo diferentes actuacións de limpeza e roza en rúas como Dinamarca, Holanda e Grecia, unha intervención insuficiente, segundo a veciñanza.