Queixas pola retirada do paso de peóns situado na PO-550 ao seu paso por Meaño

O Salnés
28 de xullo 2023

Veciños de Coirón, da parroquia de Dena, reclaman a reposición deste paso de peóns situado nas proximidades da saída da Casa Portuguesa. O BNG de Meaño tamén trasladará a súa protesta ao pleno municipal e á Xunta de Galicia

Cartel veciñal no valado reclamando o paso de peóns
Cartel veciñal no valado reclamando o paso de peóns / BNG de Meaño

Residentes en Coirón, na parroquia de Dena, en Meaño están molestos pola decisión de eliminar o paso de peóns que permitía cruzar a PO-550.

Este paso de peóns, situado á altura da saída da Casa Portuguesa, era moi empregado tanto polos escolares para ir ao colexio ou ao campo de fútbol como por persoas de idade avanzada que pasean por esta zona.

Os veciños instalaron un cartel de protesta nos valos situados na zona onde os operarios eliminaron este paso de peóns.

O BNG de Meaño tamén mostrou a súa oposición a esta retirada e esixen que se repoña xa que é moi transitado nunha zona de percorrido habitual.

Segundo indica a formación nacionalista trasladará a protesta veciñal ao pleno da corporación e á Xunta de Galicia.