Queixas na Rúa Os Olmos de Cambados por acumulación de residuos e falta de limpeza

O Salnés
09 de xullo 2026

Os afectados sinalan o colapso dos colectores, a obstrución da rede de sumidoiros e a proliferación de insectos xunto a un colexio e un parque infantil

Papeleira con residuos na Rúa Os Olmos
Papeleira con residuos na Rúa Os Olmos / PontevedraViva

Residentes da Rúa Os Olmos, no municipio de Cambados, manifestan o seu enfado polas condicións de salubridade e falta de mantemento nas que se atopa esta vía do municipio.

Segundo expoñen os residentes, a situación de abandono leva así desde hai anos, alcanzando niveis de acumulación de lixo que lles resultan insoportables durante o actual mes de xullo.

Os afectados detalla que os colectores de recollida selectiva e as papeleiras da rúa permanecen desbordados de residuos desde hai semanas, o que derivou no almacenamento de bolsas directamente sobre o asfalto.

Colector de plástico desbordado na Rúa Os Olmos de Cambados
Colector de plástico desbordado na Rúa Os Olmos de CambadosPontevedraViva

A isto súmase a presenza de manchas de graxa incrustada nas beirarrúas, restos de cabichas e maleza que crece nos bordos debido á ausencia do servizo de limpeza viaria na zona.

No ámbito das infraestruturas, os veciños destacan a existencia dunha focha na calzada adxacente a un sumidoiro que se atopa obstruida pola acumulación de botellas, plásticos e vexetación, un factor que sinalan como risco de inundación ante posibles precipitacións.

Lixo na Rúa Os Olmos de Cambados
Lixo na Rúa Os Olmos de CambadosPontevedraViva

A comunidade veciñal resalta que estes elementos se localizan nas inmediacións dun centro escolar e dun parque infantil.

A descomposición dos desperdicios orgánicos polas temperaturas estivais provocou a aparición de insectos, principalmente mosquitos, que acceden ao interior das vivendas lindeiras, limitando a ventilación dos inmobles.

Esta situación rexístrase en pleno conflito laboral do persoal da empresa Valoriza, concesionaria do servizo mancomunado de recollida de residuos en Cambados, Meis e Vilanova de Arousa. Os traballadores reclaman melloras salariais e ameazan coa convocatoria dunha folga.