Quen está a queimar contedores en Vilagarcía?

O Salnés
01 de xullo 2024

Desde o Concello de Vilagarcía de Arousa advirten de que arderon vinte unidades, desde o cambio de empresa. O custo ascende a 40.000 euros. Buscan un home de arredor de 40 anos, de pelo canoso, con camiseta negra e pantalón vaqueiro presuntamente relacionado co lume causado en contedores preto da piscina e da rúa Cibrán

O goberno local pide colaboración cidadá para identificar as persoas que incendian contedores de lixo
O goberno local pide colaboración cidadá para identificar as persoas que incendian contedores de lixo / Concello de Vilagarcía de Arousa - Arquivo

A Policía Nacional tenta localizar un home de ao redor de corenta anos, de pelo canoso, con camiseta negra e pantalón vaqueiro, que foi visto nas inmediacións do último incendio de contedores en Vilagarcía de Arousa.

No goberno local existe preocupación porque desde que se realizou o cambio de empresa xa foron nove as illas afectadas e causáronse danos por lume en vinte contedores.

O gasto dos danos ascende a preto de 40.000 euros, diñeiro que deberán pagar os contribuíntes, segundo indica o goberno local.

Desde o Concello fan un chamamento para que a cidadanía colabore na investigación.

Ás 18.30 horas do domingo ardía un sofá e varios contedores na Rúa Adolfo Pedrido, fronte á piscina municipal. Ata alí desprazáronse os bombeiros. Vinte minutos máis tarde, na Rúa San Cibrán, a menos dun quilómetro, rexistrábase outro incendio. 

Testemuñas presenciais daban a descrición do presunto autor e en ambos os casos era coincidente, segundo os datos obtidos polos axentes desprazados.

A Policía Nacional tamén investiga outros casos anteriores e tamén existen indicios sobre as persoas responsables, á espera de ser identificados.