Este domingo localidades como Pontevedra e Marín conmemoraron a proclamación da II República española, o 14 de abril de 1931.
En Marín, tivo lugar o acto anual organizado pola Asociación para a Recuperación dá Memoria Histórica de Marín, cunha ofrenda floral ante a Pedra da Liberdade, nos xardíns do Concello.
En Pontevedra, no cemiterio de Salcedo realizouse unha homenaxe a Edelmiro Dios Vázquez, vicesecretario da agrupación socialista de Pontevedra durante o período republicano.
Segundo explicou o secretario de Memoria da agrupación socialista de Pontevedra, "Edelmiro foi un membro destacado do Partido Socialista en Pontevedra, especialmente durante o período da II República, xunto con Francisco Tilve, Ramiro Paz, Germán Adrio e Amando Guiance Pampín, desempeñando a responsabilidade de Vicesecretario Xeral da Agrupación Local".
A acción política de Edelmiro Dios iníciase nas Xuventudes Socialistas, das cales foi presidente, pero tamén no eido sindical desenvolveu una grande actividade no sector metalúrxico da UGT, asumindo a dirección deste sindicato. En unión con Emilio Villar, tamén do sector do metal da UGT, impulsou o Socorro Rojo en Pontevedra e participou decididamente nas súas campañas.
Detido en 1934 pola súa participación na vida política do momento, cando se produce o levantamento militar de 1936 comprométese na defensa do réxime democrático republicano, mantendo contacto permanente cos responsables políticos do Frente Popular, o que o obriga a esconderse, posteriormente, unha vez que comproba a violencia da represión contra os militantes demócratas dos diferentes partidos.
É localizado o día 3 de setembro en San Adrián de Cobres e conducido ó cuarteliño da actual Praza de Barcelos, no que é interrogado violentamente, para aparecer dous días despois asasinado no Cemiterio de Bora, tras seren posto a disposición do xuíz militar. Dous anos despois do seu asasinato, en febreiro de 1938, publícase una requisitoria demandando a súa presentación na causa xudicial, na que se lle acusa do delito de rebelión. Considerando que non era suficiente con isto, a súa familia é detida, extorsionada, sancionada e perseguida durante todo o período franquista.