Queren converter a Praza da Liberdade nunha zona verde axardinada

Pontevedra
10 de outubro 2022

O proxecto para recuperar a antiga cafetería da Praza da Liberdade, que se converterá no novo local social da Federación de Veciños Castelao ao non haber ninguén interesado na súa explotación, virá acompañado dunha actuación urbana de maior calado

Praza da Liberdade
Praza da Liberdade / Mónica Patxot

O proxecto para recuperar a antiga cafetería da Praza da Liberdade, que se converterá no novo local social da Federación de Veciños Castelao ao non haber ninguén interesado na súa explotación, virá acompañado dunha actuación urbana de maior calado.

Así o desvelou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías. Para iso, a Fundación Biodiversidade, que concedera unha subvención para crear unha cuberta vexetal no Pazo da Cultura, debe aceptar o cambio do proxecto ligado a ese diñeiro.

Gulías explicou que os técnicos municipais concluíron que converter a cuberta do Pazo nun xardín provocaría numerosos problemas, entre eles disparando os custos de mantemento de todo o edificio.

Por iso é polo que o Concello queira redirixir ese investimento e destinar o diñeiro para converter a Praza da Liberdade nunha zona verde axardinada, xustificándoo con que esa área urbana é, en realidade, a cuberta do aparcamento subterráneo da Audiencia.

Esta actuación en superficie, á que lle falta o visto e prace da fundación que a financiaría, permitiría "gañar espazo" na praza, segundo a portavoz municipal, como lugar de convivencia. 

A subvención concedida inicialmente a Pontevedra para a actuación no Pazo da Cultura ascende a uns 160.000 euros.