Queren máis lombos para mellorar a seguridade viaria na Barriada de Mogor

Marín
28 de febreiro 2020

María Ramallo, alcaldesa de Marín, mantivo un encontro coa nova directiva da Asociación de Veciños da Barriada de Mogor que presentou as súas principais demandas para esta zona como a instalación de bancos con respaldo ou a creación dunha pista de petanca. Reclaman máis seguridade viaria, sobre todo durante o verán cando se multiplica o tráfico na contorna

Xuntanza da alcaldesa María Ramallo con representantes da Asociación de Veciños da Barriada de Mogor
Xuntanza da alcaldesa María Ramallo con representantes da Asociación de Veciños da Barriada de Mogor / Concello de Marín

A Asociación de Veciños da Barriada de Mogor conta con nova directiva, cuxos responsables mantiveron un encontro coa alcaldesa de Marín María Ramallo, que estivo acompañada polos concelleiros Manuel Santos, Cristina Acuña e Marián Sanmartín.

A veciñanza trasladaba ao Concello as principais demandas para esta zona que se centran nun incremento de medidas para garantir a seguridade viaria, debido a que no verán se incrementa o tráfico rodado nesta contorna de praias. Por este motivo, os representantes veciñais solicitaron a instalación de máis " lombos", que axuden a que se reduza a velocidade.

Tamén solicitaron a instalación de bancos con respaldo na zona da muralla perimetral, ademais da creación dunha pista de petanca. Tamén se propuxo aos representantes posibilidades a posibilidade de que se acometa unha ampliación do parque infantil e da zona da Alameda.

Outra solicitude realizada polos integrantes da directiva céntrase na dinamización do centro social da Barriada de Mogor. Piden unha programación máis estable e continuada con máis iniciativas culturais e de lecer durante os meses de verán.

No encontro tamén se tratou o tema da instalación do composteiro comunitario do Plan Revitaliza da  Deputación previsto para esta zona. Segundo indican desde o  Concello de Marín, primeiro van comprobar o funcionamento dos outros dous depósitos que se montarán en Sequelo e na Cañota, antes da posta en marcha desta iniciativa en Mogor.