As persoas e asociacións interesadas en realizar fogueiras pola noite de San Xoán en Soutomaior xa poden facer as súas comunicacións a través da sede electrónica do Concello ou de maneira presencial na Casa do Concello.
O prazo para realizar esta comunicación remata o 20 de xuño (incluído), pero desde o Concello de Soutomaior meten présa á veciñanza para que o comunique o antes posible.
A comunicación debe incluír datos datos persoais (nome, apelidos e documento de identidade), a situación exacta onde se vai realizar a fogueira e os datos de contacto. O Concello fai especial fincapé en que o teléfono móbil que se dea de contacto debe estar operativo en todo momento durante o transcurso da queima.
As fogueiras terán que estar a unha distancia dun mínimo de 15 metros das edificacións e árbores e o diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.
O Concello de Soutomaior permite facer fogueiras con leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Queda prohibido o uso de calquera outro tipo de material (pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva).
Ademais, non se poderá facer fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos... ou sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.
As fogueiras deberán acatar en todo momento as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes da Policía Local, a Garda Civil ou os Bombeiros.