A Deputación de Pontevedra abre unha oportunidade laboral para todas aquelas persoas que desexen traballar como mestre compostador. O salario será de 1.400 euros ao mes, aínda que os desprazamentos corren por conta do traballador que se encargará do mantemento dos centros de compostaxe comunal nos concellos de toda a provincia.
Para ser contratado é preciso que os interesados teñan unha titulación de FP 2 ou un grao superior ou equivalente. Posteriormente pasarán por un proceso de selección, cun exame tipo test e unha entrevista para desfacer posibles empates. Serán seleccionados os 20 mellores que participarán nun período de formación intensivo a cargo de persoas de recoñecida traxectoria e prestixio.
Esta figura de mestre compostador non está homologada, non existe como figura recoñecida polo sistema educativo, aínda que se están facendo xestións ante en Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para que conte con título oficial.
As persoas seleccionadas pola Deputación recibirán formación "do máis alto nivel" por parte de profesionais referencia neste sector que traballan en Cataluña, Navarra, País Vasco, ou mesmo, Monza (Italia).
Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, os mestres compostadores constitúen, xunto cos propios usuarios, unhas figuras crave neste proxecto. O seu labor consiste en efectuar o seguimento do mesmo "porta a porta", proporcionando o asesoramento oportuno aos cidadáns participantes, chequeando o seu traballo, liquidando dúbidas e ofrecendo o apoio necesario para alcanzar os pretendidos beneficios ambientais, económicos e sociais desta iniciativa.
A previsión é que os dez primeiros mestres compostadores poidan estar a traballar o próximo mes de febreiro. Paralelamente puxéronse en marcha outros dous procesos que deberían confluír por estas mesmas datas. Son, a compra de 450 unidades de compostaxe e unha convocatoria aberta aos concellos ou entidades veciñais que desexen participar nesta iniciativa.