Quero a mochila Human 2.0

Pontevedra
19 de novembro 2015

Alumnos e profesores de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia ofrecen a novena edición de Debut. O habitual desfile, con proxectos dos estudantes, celebrarase o xoves no Pazo da Cultura. A pasarela  abrirase cos traballos do proxecto Human 2.0 que en xaneiro gañou a competición nacional de escolas de moda Talenco&Co

Anxos Riveiro, José Manuel Corbacho y Lola Dopico durante la presentación de Debut 2015
Anxos Riveiro, José Manuel Corbacho y Lola Dopico durante la presentación de Debut 2015

Todos os cursos universitarios de Esdemga, os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, participarán no desfile Debut 2015. É a novidade que se incorpora nesta novena edición da convocatoria, xa en marcha, pero que a partir do luns 23 desenvolverá o groso do programa. Propostas non só para estes alumnos, senón tamén para o resto da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral. 

A Facultade de Belas Artes acollerá as master class e os talleres; mentres que a Casa das Campás -sede do vicerreitorado da Universidade de Vigo- albergará as Xornadas Técnicas de Recursos Humanos e as sesións de Diálogos coa Moda. Estas contarán o mércores 25 ás 19.00 horas coa participación da fundadora da revista TELVA, Covadonga O'Shea, quen ademais formará parte do xurado do desfile xunto á estilista Sofía Clarí e a editora de revista METAL, Yolanda Muelas.

Este desfile é sen dúbida o maior atractivo de Debut. Lola Dopico, directora da Escola Superior, así o ratifica: "é un evento que a cidade trata con especial agarimo, tanto en participación como en implicación para a súa organización". Quen acuda ao Pazo da Cultura o xoves ás 20.00 horas, terá oportunidade de ver proxectos de fin de carreira e proxectos de alumnos de Primeiro, Segundo e Terceiro curso. Un total de seis, pertencentes a Ana Abal García, Lucía Caride Noguera, Javier Eijo Perale, Sheila Pazos, Laura Castro Rodríguez, Carmela Sánchez López e Paula García Sobrino.

Precisamente Paula García Sobrino é unha das cinco xóvenes de Esdemga que en xaneiro conseguían o primeiro premio da competicion nacional de escolas de moda Talento&Co co seu proxecto Human 2.0. Un traballo que será o que abra o desfile desta ocasión. O proxecto inclúe unha mochila futurista que se levou a cabo en colaboración coa multinacional española de lecer multimedia BLUSENS e a empresa de LED MoonOff.

O bolso en cuestión é de coiro de alta gama e leva oculto nun dobre fondo un cargador para un panel LED que ilumina o interior do bolso. De igual forma inclúe un dobre usb que permite cargar a batería dun móbil, unha tablet ou unha cámara de fotos. E evita ter que levar dispositivos móbiles na man porque recibe as notificacións do móbil no asa da mochila, grazas a un dispositivo de vibración bluetooth. A entrada ao desfile é gratuíta.