Un movemento cidadán iniciou unha campaña reclamando sinaturas, a través da plataforma Change.org, para demandar ao Goberno español e ás autoridades sanitarias competentes a segunda dose de AstraZeneca para todas aquelas persoas menores de 60 anos que xa recibiron a primeira dose.
Este movemento, denominado #QuieroMiSegundaDosis de AstraZeneca, xurdiu a través de varias iniciativas nesta plataforma. Entre elas atopábase unha xurdida en Pontevedra, segundo indicaba unha promotora no programa La Opinión de Radio Pontevedra, que decidiu sumarse á de @polifarmaceuticx España para axuntar apoios e trasladar ao Ministerio de Sanidade esta petición. Actualmente supera as 63.000 firmas.
Lembran que a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Axencia Europea do Medicamento (EMA) e a Sociedade Española de Inmunólogos (SEI) indicaron que a segunda dose de AstraZeneca debe administrarse aos menores de 60 anos aos que se inauculara a vacina desta marca.
Indican, ademais, que non existe motivo nin dato científico que explique a parálise da segunda dose a este sector da poboación. Lembran tamén que o Ministerio de Sanidade debe cumprir o prometido ás persoas que decidiron vacinarse.
Apuntan que a ficha técnica da vacina Vaxzevria (AstraZeneca) sinala que a segunda dose debe administrarse entre 4 e 12 semanas despois da primeira. E sinalan que o prazo está a pasar.
Nas últimas horas, o Consello Interterritorial, onde se xuntan representantes do Ministerio de Sanidade con autoridades sanitarias das comunidades autónomas, aínda non se pronunciou sobre a decisión que se adoptará en relación á segunda dose de AstraZeneca para os menores de 60 anos. A ministra Carolina Darias entende que a comisión de Saúde Pública terá que "determinar algunha pauta" antes desta fin de semana e recoñece que existe un debate aberto en Europa sobre esta cuestión. 60.000 galegos permanecen á espera desta decisión.