COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, iniciou en Pontevedra un curso que se desenvolverá ao longo deste mes de novembro para formar en Auxiliar de Servizos a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para profesión habitual recoñecida.
Quince persoas participan neste curso de formación que funciona a través dunha modalidade mixta. Nove participantes acoden presencialmente e seis seguen as clases a través dun sistema telemático, como medida para facer fronte á covid-19
Trátase de alumnado procedente dos concellos de Pontevedra, Sanxenxo, Moaña, Ribadumia, Poio e Marín. Os participantes contan con idades comprendidas entre os 29 e os 60 anos e formaranse durante 75 horas lectivas en cuestións como a atención ao cliente, a recepción de chamadas ou os servizos auxiliares. Tras este curso poderán asistir a un seminario complementario sobre procura de emprego.
Este proxecto inclúese nun programa de inserción laboral Máis Emprego, financiado polo Fondo Social Europeo e a Obra Social la Caixa co obxectivo de que estas persoas poidan integrarse no mercado laboral.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.