RADIO.- A playlist de Eugenio Giráldez: Ollo ao xornalista que 2019 vén moi electoral!

Pontevedra
15 de setembro 2018

As convocatorias electorais veñen acompañadas de feitos importantes na vida do xornalista Eugenio Giráldez, conta en PontevedraViva Radio. Se a ecuación segue, 2019 pode resultarlle apoteósico

O xornalista Eugenio Giráldez, convidado da Playlist de PontevedraViva Radio
O xornalista Eugenio Giráldez, convidado da Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

 Eugenio José Giráldez Villar naceu en Caracas. É un dos seus "exotismos vitais" como conta na Playlist este xornalista. Exerceu con plenas potestades de irmán maior de Javier. Primeiro en Venezuela, brevemente en Vigo e logo en Madrid. Fillos de galegos con formación académica, emigrados e retornados, que puideron dar aos seus vástagos "unha infancia e adolescencia deliciosas".

Paradoxos da vida: que se pode romper un xornalista radiofónico xogando ao fútbol sala?... o radio!; e así foi. Ademais do balón - chegou a facer probas como porteiro para o Atlético de Madrid -, lle deu tamén ao pedal da bici.

Nunhas BH dos 70 quixo facerse Madrid - Vigo cun amigo. Para tranquilidade das familias non chegaron a facelo. Anos despois chegou o golf, unha práctica deportiva que como afirma en PontevedraViva Radio  "é como a vida e diche como é cada persoa". A el desde logo, chegouno a deixar en pelotas.

En canto ao oficio xornalístico - que comezou a realizar mentres estudaba na Complutense - que dicir que non se saiba!. A súa voz acompañou a xeracións de pontevedreses; antes fora a prensa e logo veu a televisón pública; medio no que segue cos seus 'Contrastes' do Canle Rías Baixas.

Entre cámaras, columnas - e golf - saca tempo para axudar a súa muller, Lourdes, nos negocios de hostalería da parella; así que se a súa cara sóache mentres te serve un café, si, é el. Os desvelos ségueos levando por Valeria, a súa filla, que puxo ao seu pai na mesma tesitura que el puxo o seu avó Eugenio: reticente ante un fillo con vocación de xornalista.

Quedan tres meses para que termine o ano e comece 2019, un ano que vén cargado de eleccións. En senllas convocatorias electorais chegoulle a súa oportunidade radiofónica e a súa actual muller. Así que, se continúa a ecuación... o que pode vir cos sesenta!