RADIO.- A playlist de... Javier Dominguez, o profesor de Historia de 'Los Suaves'

Pontevedra
02 de xuño 2018

A traxectoria vital de Javier Domínguez Álvarez, profesor no Instituto Valle Inclán desta capital, está inexorablemente vinculada a un dos grupos que forma parte da historia musical española: Los Suaves. O seu primeiro batería é o protagonista da Playlist de PontevedraViva Radio

Javier Domínguez na biblioteca do IES Valle Inclán de Pontevedra
Javier Domínguez na biblioteca do IES Valle Inclán de Pontevedra / Mónica Patxot

A familia Domínguez Álvarez puxo no mapa musical a Ourense. Manuel - propietario dun comercio - e Luisa - mestra rural -, tiveron catro fillos, tres dos cales fundaron Los Suaves. O pequeno deles, Javier, alias ' Domi', foi o seu batería inicial. A Historia - ademais da súa muller, Carmen -, fixéronlle decidirse polas aulas e deixar as baquetas. Algo do que non se arrepinte, como ten dito en numerosas ocasións e repite nesta Playlist.

Non había nin tradición nin afección musical, pero conta Javier que José Manuel, unha "rara avis" alcumada 'Yosi' comezou a escoitar a grupos que extraía da radio portuguesa. Gustos musicais e literarios dos que se empapou o seu irmán pequeno. De Luís Miguel 'Chicho' - o médico da familia -,  absorvió a afección ao ciclismo, o  boxeo ou o baloncesto. E de Carlos 'Charly' tamén extraeu a súa melomanía.

A historia de Aníbal e os romanos que cuns nove anos explicáronlle no colexio, determinou a súa vocación: "mamá, quero ser profesor de Historia" díxolle aquel día a Luisa. Estudou en Santiago, "alí empecei a ser eu", lembra duns anos en que a Universidade estaba moi marcada politicamente. A pesar dese contexto, el e o seu grupo de amigos universitarios formaban un  corpúsculo centrado na música.

A primeira batería que tocou era "de cuarta ou quinta man" e foi ensaiando cos seus irmáns e "Angelillo"; os primeiros integrantes dos Suaves. "Os soños da miña vida cumprinos, porque tamén quería tocar nunha banda de rock and roll... e xa ves". En Vilaboa deron o primeiro concerto polo que cobraron. Foron teloneiros dos Ramones e puideron tocar, aquí en Pontevedra, con Motörhead; pero quedou en compartir cartel, lembra en PontevedraViva Radio.

Tomada a decisión de deixar Los Suaves, preparou oposicións en Lugo durante un ano. O seu primeiro destino como profesor foi Vilagarcía, o seguinte Burela, e tres anos despois chegou o Instituto Valle Inclán pontevedrés, no que suma xa vinte e cinco anos de profesión. Pasou de asinar autógrafos a asinar partes nas aulas. 

Volveu á percusión cos xornalísticos integrantes da Freire Blues Band. E volve subir aos escenarios; con Argallada, grupo de teatro afeccionado que conforman profesores do Val Inclán. Desde esa fachada que vixía a Praza de España saltáronlle as bágoas: 'Se puidese' irmán...