RADIO.- A playlist de... Pablo Cimadevila: Sempre máis!

Pontevedra
22 de xuño 2019

Faga o que faga sempre aspira ao máximo. Así foi e segue sendo a traxectoria de Pablo Cimadevila. Medallista de natación en varias competicións  paralímpicas, solicitado internacionalmente na súa empresa de xoiería e seguido por millóns de persoas en Youtube. Coñecemos a súa  Playlist en PontevedraViva Radio

Pablo Cimadevila Álvarez é actualmente CEO de Cimadevila Design
Pablo Cimadevila Álvarez é actualmente CEO de Cimadevila Design / Mónica Patxot

Pablo Cimadevila Álvarez naceu con sete meses, chegou un día de decembro en que azoutaba forte temporal; quizá ese ímpeto meteorolóxico quedou no corpo e por iso aplica en todo o que leva a cabo o seu concepto de "kamikaze".

Di que "as persoas somos o resultado das experiencias que vivimos" e as súas estiveron e están en ambos os extremos; desde o atropelo aos catro anos que lle produciu unha paraplejia, pasando polas medallas de natación conseguidas nos Xogos Paralímpicos de Sidney, Atenas, Pequín e Londres; ata os millóns de persoas que visualizan os seus vídeos en Youtube sobre o exercicio da súa profesión como xoieiro.

O emprendemento empresarial herdouno do seu avó e o seu pai. Emilio abriu un taller de costura en Sarmiento, que logo pasou a ser, en mans do segundo Emilio, unha tenda de animais. Pablo abriu Cimadevila Design, á que logo se incorporaron os seus dous irmáns.

Descubrimos na Playlist unha afección oculta que practicou durante anos co seu avó Joaquín, o aeromodelismo. Cando ao avó chegoulle o momento de 'voar', Pablo dedicoulle unha travesía a nado entre Combarro - Aguete e Pontevedra. Fazaña que concluíu con promesas políticas aínda pendentes.

Agora que as circunstancias permítenllo véselle con pelo longo e barba. "Son unha persoa exemplarizante sen querelo" é unha das moitas frases lapidarias que pronuncia en PontevedraViva Radio.

A modo de moralexa, quedo co momento en que lembra un episodio da vida de John Lennon. Estando na escola preguntáronlle: que queres ser de maior?, el respondeu: quero ser feliz. A persoa adulta replicó: non entendiches a pregunta e Lennon sentenciou: é vostede quen non entende a vida.