RADIO.-A Playlist de... Raquel Queizás: Bravo pola titiriteira!

Pontevedra
05 de maio 2018

Para concluír abril, mes dos libros, A playlist convida esta semana a Raquel Queizás, filóloga, actriz e titiriteira, como ela defínese. Deliciosas historias, ademais de música en PontevedraViva Radio

Raquel Queizás, invitada na Playlist de PontevedraViva Radio
Raquel Queizás, invitada na Playlist de PontevedraViva Radio /

Nesta Playlist cóntanse moitas historias. A dunha nena á que marcaron inexorablemente as cancións e historias que a súa avoa cantáballe e contaba na pequena aldea de Queirugás. A dunha pequena que con cinco anos fixo unha viaxe de ciencia ficción... a Suíza. A de "Queliña" a meniña que hiptonizaba galiñas.

Tamén escoitamos a historia dunha colegiala que se fixo a desmaiada e descubriu o seu primeiro libro: "O principiño".

Aquela nena creceu, pero seguía sentindo paixón polas historias e pola narración, así que marchou a Santiago a estudar Filoloxía. E descubriu...infinidade de cousas. Raquel Queizás, "Queliña", fixo caso á súa avoa: tiña medo - un medo que se fixo co papel de timidez -, pero enfrontouse a el e así se fixo máis forte.

Ela cría que os iogures tiñan data de caducidade, pero un amigo biólogo díxolle tempo despois que "os iogures naturais non caducan". E a proba máis evidente diso é a súa filla Aldara.

Segue conservando a esencia da nena que foi, que conformou a muller que é hoxe. A que lle acompaña nas súas sesións de contacontos e nas que incluíu a María Victoria Moreno coa súa "Ruta propia". Así que pasen cinco anos, como diría Lorca e ben lembra Raquel Queizás en PontevedraViva Radio, merecerá a pena seguir escoitándoa contar historias, a súa ou a dos seus contos.