RADIO.- A playlist de Tino Fernández: o grato recordo dun socialista cara un ex alcalde popular

Pontevedra
23 de decembro 2017

O portavoz do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, deixa unha Playlist en PontevedraViva Radio con moita guitarra rockeira ademais do gratísimo recordo dun mestre, que de seguir hoxe en política activa, estaría na bancada política oposta

Tino Fernández diante  do que  fora ou  seu despacho como avogado na praza do Teucro
Tino Fernández diante do que fora ou seu despacho como avogado na praza do Teucro / Mónica Patxot

As orixes de Agustín, Tino Fernández, mesturan Compostela, Salcedo e a Moureira. Nesta última, por rama materna, dunha mítica familia do barrio pontevedrés: os "pandeiretas". Naceu en Salcedo, estudou en escola unitaria e logo nun grupo escolar da parroquia. Desta etapa lembra a un profesor: ao ex alcalde Rivas Fontán, do que garda un cariñoso recordo. O que a educación une que non o separe a política.

A vinculación ao socialismo, vai no sangue, como lle dicía a súa nai. Coñece as reviravoltas da política municipal desde hai máis de dúas décadas. Un labirinto ao que entrou a través do sindicalismo. E este chegou ao final da súa carreira universitaria de Dereito. Vocación que tiña clara desde o Bacharelato.

Aqueles anos na capital galega, coincidíronlle coa efervescencia musical e cultural dos oitenta. Tino, non quedou á marxe daquel dinamismo xuvenil e recoñece que houbo algún curso en que non "recordo se ví o sol". Ten dous fillos: Agustín que vai para a actor e a benxamina, Alicia, que parece apuntar cara á Filoloxía.

En terreo deportivo segue sentindo as cores azulgranas se falamos de fútbol. Con todo no balonmán e co Teucro atópase coa "miña outra familia", di quen foi concelleiro de Deportes no concello pontevedrés nesta Playlist de PontevedraViva Radio.

A súa referencia musical é o "boss", Springsteen. Igualmente gústalle o guitarreo do rock sureño que lle chega moi dentro, tanto, que o seu desexo é que acompañe a súa despedida da vida terreal.