RADIO.- Alfonso González... a culpa foi de Jesús Quintero

Pontevedra
28 de xaneiro 2017

Así como se lle ve, plenamente cómodo síntese diante dun micrófono. E é que Alfonso González leva dedicados trinta anos da súa vida á radio. Actualmente traballa para televisión. PontevedraViva Radio meteuno de novo nun estudo para compartir esta playlist e coñecer mellor a este home honesto.

Alfonso González Mónica Patxot

Había unha vez un rapaz da "república independente de Campolameiro" que tiña claro cal quería que fose o seu futuro. Facer radio. Alfonso González pisou por primeira vez unha emisora para levar un manifesto estudantil e entre unhas e outras "casas mediáticas" e con menos a máis responsabilidades, pasaron trinta anos da súa vida diante dos micrófonos.

Unha vida, que non hai moitos anos, púxoselle diante para dicirlle: ata aquí chegamos; pero afortunadamente foi un órdago que non saíu gañador. Non son bos tempos para a profesión xornalística, e por extensión e repercusión para o cidadán e a sociedade no seu conxunto. Así que da radio, pasou a televisión, onde está na actualidade.

É o único home da casa: a súa muller María Jesús e as súas dúas fillas Iria e Lucía. Elas deberon botar as mans á cabeza cando lles dixo que viña a PontevedraViva Radio para facer esta Playlist e dixéronlle "papá cos gustos musicais tan malos que tes!". Cando a escoiten, seguro que non pensan o mesmo. Parafraseando ao "Loco de la colina", a Jesús Quintero: ...aquí Pontevedra,...aquí o norte...