RADIO.- Antón Mouriz, coordinador de Manaia: "En Chile teñen moi ben articuladas as adopcións"

Pontevedra
13 de decembro 2018

Antón Mouriz, coordinador de proxectos de Manaia, a Asociación Galega de Axuda á Adopción, vén de participar en Chile nun seminario sobre 'Adopción e diversidade'. Facilitoulles contactos e iniciativas que conta en PontevedraViva Radio

Antón Mouriz, coordinador de proxectos de Manaia, no Cara a cara
Antón Mouriz, coordinador de proxectos de Manaia, no Cara a cara / Mónica Patxot

Manaia, a Asociación Galega de Axuda á Adopción e o Acollemento tomou parte este decembro dun seminario sobre 'Adopción e diversidade' celebrado en Chile.

Na súa representación acudiu Antón Mouriz, coordinador de proxectos de Manaia quen conclúe en PontevedraViva Radio que a experiencia "foi moi boa porque todo o que sexa coñecer outras realidades noutros países é moi enriquecedor. Ademais houbo ocasión de aproveitar para ter encontros con outras asociacións que se dedican tamén ás adopcións e foi enriquecedor para nós".

Foi este ano 2018 no que Manaia acordou asumir tamén o traballo no ámbito do acollemento; e o obxectivo para 2019 é empezar a traballar niso, para dar a coñecer que significa, como se articula ou para que se fai, "porque hai un gran descoñecemento".

De feito Mouriz tróuxose de Chile un proxecto que alí está en marcha a través de FADOP, a Fundación Chilena de Adopción e que explica no Cara a cara. "Podería parecer que iamos ir a dicirlles o que hai que facer e volvemos ao revés. Alí téñeno moi ben articulado". Igualmente facilitouse a posibilidade de traballar en rede con estes colectivos que tamén traballan nesta área.