RADIO.- Berta Cortez-Lobao, unha blogueira rompendo o silencio sobre a infertilidade

Pontevedra
05 de decembro 2019

Tras a experiencia persoal e de parella que Berta Cortez- Lobao viviu ante a infertilidade, hai escasos meses decidiu abrir unha web para axudar a quen se atope na mesma tesitura. O feed back que está a ter a súa iniciativa resulta sorpredente como conta a invitada do Cara a cara en PontevedraViva Radio

Berta Cortez-Lobao xunto a Tiago en PontevedraViva Radio
Berta Cortez-Lobao xunto a Tiago en PontevedraViva Radio / Cristina Saiz

Segundo os datos que reporta o Instituto Nacional de Estadística xunto á Sociedad Española de Fertilidad, durante o pasado ano en España o 9% dos nacementos foron resultado de técnicas de reprodución asistida; isto é, algo máis de 33.000 mil bebés. As previsións para 2019-2020 apuntarían a que o número seguirá crecendo.

A pesar destas cifras, falar de infertilidade segue reservándose para a máxima intimidade. Protagoniza moitos silencios e expón reticencias de comunicación. Ese contexto restrictivo conleva a que a persoa ou parella que vive a situación estea falta de referencias. Con este punto de partida Berta Cortez-Lobao abriu na Rede sincerelybe.es

Berta vive en Pontevedra desde que veu estudar Comunicación Audiovisual. Coñeceu aquí á súa parella e en 2017 comunicáronlles que quedar embarazada de forma natural non era posible. Desde entón a este decembro de 2019, son pais de Tiago, un bebé que en breve cumprirá cinco meses. Todas esas experiencias, negativas e positivas, compárteas no seu blogue, canle de Youtube e redes sociais.

"Temos unha educación sexual incorrecta. Véndennos que hai parellas que quedan embarazados á primeira ou sen buscalo, pero non é tan fácil ser pais. Creo que o problema é ese, non falan que hai problemas que poden facer que o embarazo non sexa natural e teñas que recibir unha axuda", comenta no Cara a cara.

Pensou en poñer en marcha o proxecto durante os tratamentos de fertilidade, pero finalmente demoráronse ata agosto, cando Tiago xa nacera. Berta fala da infertilidade, a maternidade, vida saudable, como prepararon á súa cadela Gossa para a chegada do bebé e tamén sobre produtos que utiliza. Resúltalle evidente que facía falta unha proposta así porque como conta en PontevedraViva Radio aínda está  alucinando coa cantidade de persoas que lle escriben a diario.