RADIO.- Cara a cara: A aprendizaxe vital inesquecible dun moteiro

Pontevedra
15 de agosto 2019

Miguel Filgueira contou en PontevedraViva os inicios da súa aventura en plena viaxe moteira ata Mongolia. Agora, xa de volta en casa, en PontevedraVIva Radio comparte todos os prismas da experiencia

Miguel Filgueira no Cara a Cara de PontevedraViva Radio
Miguel Filgueira no Cara a Cara de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Miguel Filgueira é profesor, empresario, ex concelleiro en Pontevedra e moteiro. Trece mil catrocentos quilómetros contabilizan a súa última viaxe sobre dúas rodas: Pontevedra - Ulán Bator, capital de Mongolia. España, Italia, Grecia, Turquía, Xeorxia, Rusia, Casaquistán, de novo Rusia e Mongolia. Circulou por todo tipo de vías, desde altísima capacidade ata os máis complicados camiños de terra. Máis dun ano antes de arrincar, os once compañeiros de viaxe xa estiveron a xestionar e deseñando o roteiro, necesidades burocráticas e de continxencia. 

Durante algo máis dun mes foi compartindo esta experiencia en breves vídeos subidos ao seu perfil de Facebook. Precísamente esta parte de rede social era a que non estaba prevista como explica en PontevedraViva Radio. "Foi xurdindo", comenta. Inicialmente o primeiro vídeo foi para informar o seu círculo persoal de que todo ía ben. Ao ver o seguimento que tivo decidiu ir subíndoos a diario.

Neste Cara a cara comparte un diagnóstico humano, xeográfico, paisaxístico, económico, cultural, relixioso, gastronómico, turístico e automobilístico do periplo. E sobre todo, unha aprendizaxe vital inesquecible. "Estas cousas son as que che fan recapacitar. Unha das conclusións ás que cheguei é que se pode ser feliz tendo pouco. Outra: temos que coidar o planeta porque nolo estamos cargando e recuperar a solidariedade entre as persoas que aquí perdemos".

Eles, os moteiros, regresaron o pasado tres de agosto; as motos, neste caso a 'Invencible', unha BMW GS 1200, segue facendo a viaxe de volta. Con ela percorreu toda a Península, e varios países europeos. O seu "punto aventureiro" xa apunta próximos destinos como Senegal,  Escandinavia, países bálticos e "encantaríame  Suramérica - di -, pero creo que terei que deixalo para a xubilación".