RADIO.- Cara a cara: Alba Santos, a "vagamunda" de Somos Nupa

Pontevedra
08 de novembro 2018

Somos Nupa é unha ONG que presta asistencia a familias que requiren atención na Unidade de Rehabilitación Intestinal do Hospital Infantil La Paz por diversas enfermidades. A súa creadora, a pontevedresa Alba Santos, achéganola en PontevedraViva Radio

Alba Rodríguez Santos no Cara a cara de PontevedraViva Radio
Alba Rodríguez Santos no Cara a cara de PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Vivir non sempre é cuestión dun mesmo, tamén pode ser cuestión do que fagan, ou o que non fagan terceiros. A invitada deste Cara a cara é unha deses 'terceiros' que si que fan. Alba Rodríguez Santos, é xornalista, medio arousá, medio pontevedresa, "vagamunda" e acompáñanos en PontevedraViva Radio.

A súa inquietude vital levouna a Latinoamérica, onde tivo ocasión de coñecer a Eduardo Galeano, Mario Benedetti ou ao ex presidente uruguayo José Mújica. Xa instalada en Madrid, cun traballo no departamento institucional do Parlamento, fixo un rompe e rasga nos primeiros capítulos da crise. Lembra neste Cara a cara que Manuel Fraga díxolle: "nena, por fín en algo estamos de acordo. Isto non é para tí". E aparcou o xornalismo político.

Naquel momento de cavilación apareceu Auxi. Unha nena de dous anos, cuxa nai vendera todo para irse a Madrid, onde estaba a única posibilidade de salvación para a enfermidade que tiña a menor. Con ela xurdiu Somos Nupa e ata hoxe 373 nenos tiveron atención nesta ONG. Particulares como o Pai Anxo, Adolfo Olloqui ou colectivos como a Asociación de Futbolistas Españois sumáronse a esta causa.

Isto permitiu por exemplo, que cedesen as súas antigas oficinas e a día de hoxe estéase acondicionando para habilitar aos menores e os seus proxenitores un aloxamento. Unha iniciativa en está aberta á colaboración económica de quen queira sumarse e que como Alba Santos agarda, será un proxecto cumprido o vindeiro decembro.