Os irmáns Carlos e Miguel Setó foron os que en 2008 arrincaron coa compañía Efimer en Cataluña. A día de hoxe levan os seus espectáculos de teatro de rúa por España, Europa e Asia; basta dicir como exemplo que recentemente estiveron actuando en Arabia Saudita. Mentres seis dos integrantes da compañía viñéronse a Pontevedra para participar en Itineranta, outros seis atópanse en Dinamarca para actuar con outro dos seus espectáculos en xira 'Traps'.
Efimer xa estivo na edición de 2015, cando participaron con ese mesmo espectáculo 'Traps', 'De Peluix' e 'The dance of the death' que é o que a organización recuperou para este ano con motivo do décino aniversario do festival de teatro de rúa Itineranta, como nos explica Carlos Setó en PontevedraViva Radio. Desta forma regresa ás rúas e prazas de Pontevedra ese esqueleto de cinco metros de altura ao que foron introducindo innovacións co paso do tempo.
En referencia a Itineranta, comenta Carlos neste Cara a cara que é "un gran festival, como os que se poden organizar en Europa; pero dez anos a nivel local, é moito tempo. Vemos moitas veces festivais que arrincan moi forte, pero que non aguantan tanto tempo". E o público pontevedrés?, "gústanos - responde-, parecen acougados, pero cando lle metemos cana, reaccionan".