RADIO.- Carme da Silva: "Levar as festas é unha das cousas máis gratificantes que lle pode pasar a unha concelleira"

Pontevedra
03 de agosto 2017

A escasas datas de entrar na Semana Grande de Pontevedra, charlamos coa concelleira de Festas, Carme da Silva, no Cara a cara de PontevedraViva Radio. O verán e as ao redor de trescentas actividades que se celebraron e quedan por celebrar nesta capital copan esta charla

Carme da Silva no Cara a cara de PontevedraViva Radio.
Carme da Silva no Cara a cara de PontevedraViva Radio. / Mónica Patxot

 "Para todos os gustos, para todas as eades e gratuítas". Ese sinal que os  medios de comunicación locais teñen aprendido é a filosofía da programación festiva do Concello pontevedrés.  Como non podía ser doutra forma as festas de verán son reflexo desa intención que, salvo uns anos de parénteses, leva aplicando a concelleira de Festas Carme da Silva.   Unha responsabilidade, por certo, que interpreta como "unha das cousas máis gratificantes que lle pode pasar a unha concelleira". 

Outrora o "día cero" era San Benitiño, a día de hoxe o comezo desta programación xa se adianta a xuño con outra multitudinaria cita, o Surfing the Lérez e conclúe no mes de setembro coa Feira Franca. Ao longo destes meses vanse sucedendo ao redor de trescentas actividades, con sete días de especial intensidade como son as Festas da Peregrina que comezarán o día 12. Unha Semana Grande para a que "contamos cun gran equipo que é un luxo".

Equipo no que se implican, ademais do persoal municipal, numerosos colectivos da cidade. Claro exemplo diso é a Feira Franca que este 2017 cumpre dezaoito anos. Un percorrido no tempo, que con todo non significa deixar de tutelala: "necesita un esforzo continuo e constante por parte do equipo municipal e os colectivos sociais que participan. Unha festa como esta corre un risco enorme de descontrolarse e converterse no que non se desexa", comenta da Silva neste Cara a cara de PontevedraViva Radio.

Arquivado en