A Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria, da que forma parte AGAMFEC - Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria -, editou unha guía na que aborda que non se debe facer en relación ao proceso de vacinación contra a covid-19 coa intención de "ofrecer información contrastada coa experiencia e a información científica que temos".
Trátase de máximas que refiren aos profesionais sanitarios, pero que tamén liquidan múltiples dúbidas que a cidadanía ten nestes momentos. Jesús Sueiro, vogal de AGAMFEC, sinala nesta edición de 'Mentres isto dure' que nas consultas "exponnos dúbidas e iso non está nada mal, estamos encantados de resolvelas. O que eu tamén comprobo é que non hai medo nin rexeitamento á vacina. Ao contrario, os pacientes están motivados e esperanzados de que isto sexa o principio do fin".
Unha guía que comeza sinalando que polo momento e a expensas dos estudos científicos, non hai que intercambiar vacinas para completar a pauta de vacinación. Outra cuestión á que alude e que explica o doutor Sueiro PontevedraViva Radio é que non se debe administrar sistematicamente paracetamol para previr posibles efectos secundarios da vacina.
Ademais estas recomendacións axudan a desterrar ideas erróneas que pode ter a poboación e é que non se deben deixar de cumprir as medidas de protección xeral a pesar de estar vacinados. "É evidente que a vacina está a reducir a mortalidade radicalmente, pero mentres non esteamos todos a salvo, ninguén estamos a salvo".