RADIO.- Coñeces a vinculación de Alexandre Bóveda coa orixe de Zeltia?

Pontevedra
10 de decembro 2016

"Non podemos condensar a figura de Bóveda nun asasinato inxusto", así o afirma un dos seus netos Valentín García Bóveda, fillo da nena póstuma de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez. Valentín e Amalia Bóveda Álvarez participaron en Do gris ao violeta de PontevedraViva Radio.

Amalia Bóveda Álvarez e  Valentín García Bóveda.
Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda. / Mónica Patxot

O 17 de agosto leva o nome de Galiza Mártir e o de Alexandre Bóveda, como propuxo Castelao desde o exilio. Unha data na que foi fusilado tras xuízo sumarísimo por "traidor á patria". Unha ignominia que segue sen corrixirse oficialmente. É un dos obxectivos, a "espiña cravada" que segue presente na filla póstuma de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda Álvarez; e o seu neto Valentín García Bóveda.

Con nai e fillo, falamos dos seus pais/avós no programa Do gris ao violeta de PontevedraViva Radio. Dunha Amalia Álvarez Galego que tras enviudar fixo fortaleza da fraqueza para sacar aos seus cinco fillos adiante, e foi a primeira en perdoar e ensinar o perdón aos seus descendentes. E dun Alexandre Bóveda cuxa figura "non se pode condensar nun asasinato inxusto" como explicaba Valentín.

Así que sen esquecer a súa presenza fundamental no Partido Galeguista, na elaboración do estatuto de autonomía de Galicia do 36, na creación da Caixa de Aforros de Pontevedra, a súa traxectoria profesional en Facenda, etc... apuntamos unha cara menos coñecida: a de contable.

Amalia e Valentín "rescátannos" os nomes de importantes empresas do momento para as que Bóveda Iglesias realizaba a contabilidade. En tales funcións entra en contacto cos irmáns Obella Vidal, cos que participa na creación do Instituto Bioquímico Miguel Servet. Este foi o xérmen do grupo de empresas químico farmacéuticas fundado en Vigo en 1939, chamado Zeltia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora