RADIO.- Conversas na Ferrería: As matemáticas non son problemas para eles

Pontevedra
07 de xuño 2019

Os alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Placeres destacan en todos os concursos de Matemáticas aos que se presentan. O último exemplo foi o Concurso  Pangea. Charlamos en PontevedraViva Radio con catro deles e un dos seus profesores

Julia, Hugo, Breogán, Paula máis o profesor Gaspar nas Conversas na Ferrería
Julia, Hugo, Breogán, Paula máis o profesor Gaspar nas Conversas na Ferrería / PontevedraViva

Gozan aprendendo Matemáticas. É unha conclusión evidente tras charlar con Paula Ferradás Maneiro, Julia Carro Tomé, Hugo Vázquez Fuentes e Breogán Fariña Fernández. Son alumnos de sexto curso de Primaria e de primeiro curso de ESO do Colexio Sagrado Corazón de Placeres. Todos eles clasificáronse, entre uns cen mil, para a final española do Concurso Pangea.

Trátase dunha convocatoria anual para centros educativos na que realizan probas das distintas disciplinas matemáticas. Este pasado xoves día 6 facíanse públicos os gañadores desta edición de 2019 e aínda que os seus nomes non están nesa listaxe, a súa consecución e mérito é sobresaínte.

O interese que evidencian polas matemáticas é resultado da formulación docente que aplican profesores como Gaspar Antelo, quen acompañou a estes estudantes nas Conversas na Ferrería. Utilizan entre outras, ferramentas tan atrayentes para estas xeracións como unha canle de YouTube. "Tentamos que vexan as matemáticas como algo divertido, levalas a algo máis práctico por exemplo o que expuxemos hai uns meses en Pontevedra: un fractal feito con latas de refresco", apunta Gaspar.

Non é a única competición na que desde o centro participan, teñen xa experiencia nas LigaMats - con vitorias en varios cursos - , o Rally Matemático Sen Fronteiras de Galicia - clasificándose para a final europea -, ou este mesmo sábado 8 na Estalmat de Santiago. Estes excelentes resultados son engadidos para a celebración do centenario do colexio de Praceres este 2019.