RADIO.- Cristina García, "un reto e moitas cuestións emocionais" na rehabilitación dos Baños de San Xusto

Pontevedra
29 de abril 2021

Charlamos no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio con Cristina García Fontán, a arquitecta cotobadesa que deseñou a rehabilitación dos Baños de San Xusto. Fálanos, entre outras cuestións, desa actuación e da relación que aquelas augas medicinais tiveron coa fábrica de xabóns de Mollabao

A arquitecta de Cerdedo-Cotobade Cristina García Fontán
A arquitecta de Cerdedo-Cotobade Cristina García Fontán

Cristina García Fontán é arquitecta e profesora de Urbanismo e Paisaxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. É natural de Cerdedo-Cotobade e este mes o seu nome estivo nos medios informativos con motivo da inauguración da rehabilitación dos Baños de San Xusto, cuxo proxecto leva a súa firma.

Fálanos en PontevedraViva Radio de como expuxo esta actuación estudando historia material e inmaterial dese espazo, tendo moi presente a paisaxe e resultando ademais un lugar no que transcorreu parte da súa vida. Traballou cun material como a pedra ou o mármore, que para Cristina García supón outro engadido máis, xa que é neta, filla e irmá de canteiros

Neste 'Cara a cara' facemos oco ademais a un fotógrafo pontevedrés, Jose Chas, a través de cuxo traballo profesional sobre a Memoria Industrial de Galicia, chegou ao nexo que décadas atrás houbo entre aquelas augas medicinais de San Xusto e a Fabril Galega de Xabóns, situada en Mollabao.

Esta arquitecta coordina ademais un Grao de Paisaxe interuniversitaria, unha formación, a de paisaxista, habitual en países como Francia, Inglaterra ou Portugal; pero que en España só se imparte en catro capitais, dúas delas galegas.