RADIO.- David Amor: non é amateur e toma vermú cando está de tour

Pontevedra
02 de setembro 2017

Que non atopas sentido ao titular? Iso é que aínda non escoitaches A Playlist de David Amor en PontevedraViva Radio. O pontevedrés comparte a súa particularísima selección musical mentres nos fai repaso á súa traxectoria vital e profesional. Un gran tipo, e non só pola súa estatura

David Amor na Playlist de PontevedraViva Radio
David Amor na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Nome artístico: David Amor (aínda que lle tería gustado David Veleiro). Nome que figura no seu DNI: David López Veleiro. Pais: José Luis e Maribel. Irmáns: Raquel, "a persoa máis boa que coñezo".

Enfermidades: "juliosalinitis crónica" na infancia -foi suplente ata nos adestramentos de fútbol-; frustración coa lingua de Shakespeare; dependencia familiar; charramangueiro e verbeneiro; doenza sen clasificación: "teño días". A pesar de tantas alteracións "agora estou nun bo momento".

Non practica o nudismo, hai moito móbil solto por aí. Débedas pendentes: "co balonmán". Esta tempada tratará de saldar a conta: vai xogar e retírase oficialmente. Presenza nas redes sociais: "se puidese non tería". Estado de whatsapp: Apenas uso isto, pero grazas polas felicitacións e igualmente!!!!. Vida sentimental: se reserva a clave da caixa forte.

Retomou unha antiga amizade e di que a súa intención é dedicarlle máis tempo: a bicicleta de montaña. "...Oe Veleiro lévame na túa bicicleta..." (con permiso de Shakira e Carlos Vives). E o do "tour, amateur e vermú", escoita esta Playlist de PontevedraViva Radio e bota unhas risas con David López Veleiro... "Amour".