RADIO.- É posible falar de suicidio, saúde mental e morte desde o humor. Carmen Romero publica 'Esto no está pasando'

Pontevedra
26 de maio 2024

Falamos en PontevedraViva Radio cunha guionista e cómica. E tamén a irmá dun mozo de veinteseis anos con trastornos de saúde mental quen acabou quitándose a vida en 2016. Carmen Romero dedicouse durante un ano e medio a plasmar neste libro todo o proceso de duelo desde o humor

Portada de 'Esto no está pasando' de Carmen Romero
Portada de 'Esto no está pasando' de Carmen Romero / PontevedraViva

Carmen Romero é unha moza popular pola súa faceta humorística. A súa traxectoria profesional pasa por redes sociais, medios escritos, radio, televisión e podcast, sempre na súa vis cómica. Actualmente ademais está a virar co seu primeiro monólogo en solitario, 'Chochito'. Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara' con motivo da promoción do libro, 'Esto no está pasando'.

Neste título escribe desde o humor negro e o sarcasmo para abordar unha experiencia persoal: o suicidio do seu irmán en xuño de 2016. Miguel tiña veintiseis anos e era militar de profesión. Con esa bagaxe fala de saúde mental, de suicidio e de morte. "Son os tres piares nos que quería centrar o libro e usar o humor como transfondo para contar as tres semanas que estivo ingresado o meu irmán cun brote psicótico, de como lle trataron e o que pasou, porque non é un caso illado".

Romero apela á necesidade de visibiliar estas cuestións "para cambiar as cousas", sexa o suicidio, a saúde mental, ou a morte. "Hai que achegarse a ela porque así lle perdemos o medo. Ou símplemente recoñecer ese medo". Engade que este libro "é un soño feito realidade e tamén o máis duro que fixen tras a morte do meu irmán". Un ano e medio de escritura no que reviviu e volveu a sentir todo o proceso do duelo que pasaron ela e a súa familia.

É un caso con nome e apelidos e é ao tempo un problema sociosanitario. O estudo dunha aseguradora mundial realizado polo Consello Xeral da Psicoloxía conclúe que en 2023 o 34% da poboación española recoñecía ter problemas de saúde mental, unha porcentaxe que crece desde 2021. Outro dato sintomático é que un 16% da poboación en España recoñece, ademais, que toma ansiolíticos, somníferos e antidepresivos unha vez á semana. Ademais, segundo datos da Fundación Española para a Prevención do Suicidio contabilizáronse 4.227 en España durante 2022, o que supón a maior cifra rexistrada nunca e con tendencia progresiva no último trienio.

O podcast está dispoñible para reprodución e descarga na web de PontevedraViva Radio e igualmente pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta.