RADIO.- Encaramos a semana na que se prevé o pico máis alto de contaxios desta sexta onda

Pontevedra
16 de xaneiro 2022

Este luns entraremos na terceira semana de xaneiro, un momento para o que se ten previsto o pico de contaxios por coronavirus nesta sexta onda. Poucos días antes charlamos en Pontevedraviva Radio co coordinador de hospitalización covid no Complexo Hospitalario de Pontevedra, Juan Turnes

Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid no CHOP fala en PontevedraViva Radio
Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid no CHOP fala en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Este luns entraremos na terceira semana de xaneiro, un momento para o que se ten previsto o pico de contaxios por coronavirus nesta sexta onda e tal e como veñen prevendo e previndo no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Desde novembro, sinala Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid nesta área sanitaria, contemplaban o escenario que se foi reproducindo en decembro e o actual xaneiro.

Aínda que as cifras (oficiais) de contaxios son excepcionais e que "seguro que son moitos máis dos que se diagnostican, por ser asintomáticos"; en cifras de hospitalización "en UCI estamos na parte baixa da previsión e en planta na parte media". O cal "non hai que minimizar porque as consecuencias derivan en presión sobre Atención Primaria e outros ámbitos sociais", incide Turnes, que tamén é xefe do Servizo de Dixestivo.

Durante a conversación que mantemos en PontevedraViva Radio incide en varias ocasións na importancia da poboación vacinada. Unha das evidencias deste proceso vírono e ven no CHOP: a principal concomitancia de ingresados en UCI "no noso hospital como no resto de España é estar non vacinados, chegaron a ser tres de cada catro". 

Repasamos algunhas consideracións que por repetidas non se converten en acertadas. Por exemplo, que por verse contaxiado xa se é inmune: "a medida que se reproduciron variantes, a protección en persoas que se contaxiaron foise reducindo e iso traduciuse en reinfecciones", explica.

Outra máxima que se está repetindo entre a poboación é: ao final ímonos a contaxiar todos. Turnes rexéitaa totalmente e advirte: "o risco dunha infección aguda non é cero e tamén está a covid persistente, así que non hai necesidade de contaxiarse. Podemos saír mal parados a nivel particular e tamén como sociedade" e recomenda non vanalizar factores de risco como obesidade ou hipertensión ante un contaxio.

Falamos tamén no podcast 'Mentres isto dure' da covid e a poboación de menos idade ou do propio persoal sanitario, por cuxo estado preguntamos: "o persoal sanitario está canso. Levamos case dous anos dedicados, en maior ou menor medida, a atender unha enfermidade que apareceu da nada e trastornou os nosos traballos e as nosas vidas". 

GRIPALIZACIÓN DO VIRUS E MUTACIÓNS

Este coronavirus segue mutando e mirando ao curto, medio prazo: "é probable que nos próximos meses non vexamos mutacións moi radicais e por iso pasemos a outras fases de endemia controlable". Nas últimas semanas comunicáronse datos dunha variante identificada en Francia - con posible orixe en África - que afectou a un número limitado de pacientes e tamén outra variante que incorpora mutacións de Delta e Ómicron, en Chipre.

En canto ao debate ou idoneidade de cambiar unha vez máis a estratexia contra esta enfermidade e o coronavirus; o que se está denominando "gripalización da covid", Juan Turnes considera que aínda que o momento actual, encarando o pico máximo da onda, non é o adecuado para expor ese enfoque: "si pode converterse nunha enfermidade persistente, con subidas e baixadas, que coas vacinas e os fármacos antivirais orais, - a piques de aprobarse na UE -, poden axudarnos a cambiar o curso desta enfermidade".