Vanesa Angustia é membro da Cámara Alta, isto é, do Senado por En Marea. Resultou elixida nas eleccións de 2015 (durante o ano de Goberno en funcións) e reelixida tras as eleccións do 26 de xuño de 2016.
Tomás Fole, ex alcalde de Vilagarcía, ocupa o seu escano na Cámara Baixa, o Congreso, tras esa mesma convocatoria electoral e tras a baixa de Irene Garrido no Grupo Popular. Polo Grupo Socialista, Guillermo Meijón tamén ten bagaxe en política municipal e autonómica, así como no Congreso, sendo esta a súa terceira lexislatura con escano.
Reunimos os tres políticos para charlar sobre esta XII Lexislatura, cando menos "especial e diferente", eles opinan se con connotacións positivas ou negativas. Como están a vivir o percorrido do independentismo catalán e as decisións que as Cortes tomaron respecto diso tamén saen nesta conversa.
E neste 39 aniversario da Constitución Española, expomos se chegou o momento de poñer en marcha unha revisión do texto constitucional; e se é así, como e por onde.
(Nesta charla non se fixo ningunha alusión a Manuel Marín dado que a súa gravación foi previa ao falecemento do político socialista).