RADIO.- Gómez Novoa edita 'Pasos en la mano', as súas reflexións publicadas en PontevedraViva a formato libro

Pontevedra
05 de outubro 2021

O colaborador de PontevedraViva, José Antonio Gómez Novoa - director da prisión da Lama durante oito anos -, acaba de editar 'Pasos en la mano' un compendio das reflexións que publica neste medio dixital, así como no seu blogue Prisión en positivo. Preséntanos o libro no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

José Antonio Gómez Novoa, colaborador de PontevedraViva con 'Ventana indiscreta'
José Antonio Gómez Novoa, colaborador de PontevedraViva con 'Ventana indiscreta' / Mónica Patxot

Convencido pola suxerencia de "un amigo, gran lector de artigos", José Antonio Gómez Novoa embarcouse no mes de marzo na recompilación en papel das reflexións que viña publicando en PontevedraViva e no seu blogue Prisión en positivo. Agora, recentemente editado, preséntanos 'Pasos en la mano' en PontevedraViva Radio.

Ordenado en sete capítulos: Eu e as miñas circunstancias, A importancia do outro, Reflexións políticas, A presenza do visual, Sons do social, Anecdotario e Dedicatorias fala de todo aquilo que lle ocupa e preocupa. Preguntado por estas últimas sinala que "estamos nunha sociedade na que todo funciona a golpe de click e non deixamos tempo para a reflexión, para o pensamento crítico".

Falamos tamén do lastre pandémico que deixou en evidencia un mantra equivocado: disto saímos mellores. "A nivel social, a nivel político, a pandemia, ademais do sanitario, fixo moito dano" comenta neste podcast do 'Cara a cara'.

Fronte ao que poida parecer, Gómez Novoa é un home marcado polo optimismo e tamén por un notable sentido do humor que empapa moitas das súas escrituras.

Como queda claro no epígrafe das súas colaboracións en PontevedraViva: Ventana indiscreta, o autor é un cinéfilo empedernido. Neste punto recomenda un dos títulos en carteleira: 'Maixabel' de Icíar Bollaín, co que sente vinculado xa que durante a súa etapa como director da prisión A Lama, "Etxezarreta e Luís Carrasco estiveron na Lama antes de ir a Nanclares".