RADIO.- Jesús Valiño, 56 anos de arte sartorial en Pontevedra

Pontevedra
23 de marzo 2017

Di o Club de Xastres de España que "para vestir ben é convinte adquirir a roupa intelixentemente. Colocala con esmero para cada ocasión e por último, esquecerse dela e levala con naturalidade". Neste Cara a cara de PontevedraViva Radio contamos para a ocasión con Jesús Valiño, con quen vestimos esta entrevista con naturalidade e esmero.

Jesús Valiño acompáñanos neste Cara a cara de PontevedraViva Radio
Jesús Valiño acompáñanos neste Cara a cara de PontevedraViva Radio

Prefire a denominación de xastre á de modisto. Está entre os 17 exclusivos profesionais da arte sartorial que conforman o Club de Xastres de España. Jesús Valiño era un neno sen vocación por estes mesteres, pero a súa nai, algunha reprimenda e 'colleja' que outra, fixéronlle colocarse de aprendiz para iniciarse no oficio. Foise á mili con dedal, fío e agulla, e sacouse as súas pesetas cosendo polas noites mentres no resto de liteiras durmían.

A súa andaina empresarial como xastre comezou nun edificio da praza da Ferrería, quitándolle horas ao descanso, e abrigos ao frío. Con esforzo, sempre con esforzo, como lembra de forma reiterada, recolocouse nas galerías da Oliva e finalmente onde aínda continúa na mesma rúa. Conseguiu facerse un nome no seu sector. Viaxaba periodicamente á capital ou á cidade condal para coñecer tendencias e tamén aprender "psicoestética", imos, saber que quere e que necesita un cliente cando entra pola porta do seu negocio.

Fálanos neste Cara a cara de PontevedraViva Radio de clientes como o Cordobés ou Luis del Olmo, quen lle presentou a outros tantos rostros públicos. A portas da xubilación, laméntase de que non hai unha substitución xeracional "que domine o oficio". E a partir dese momento...resérvallo, pero quizá non descarte o de escribir un libro.