RADIO.- Lei de benestar animal: "quíxose lexislar en moitas cousas sen concretar en nada"

Pontevedra
21 de setembro 2023

PontevedraViva Radio continúa revisando o articulado da Lei de Protección dos Dereitos e o Benestar dos Animais que entrará en vigor o próximo 29 de setembro. Neste segundo podcast continuamos charlamos respecto diso con Luís Núñez Desiré, presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia

Luis Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra
Luis Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra / Mónica Patxot

Seguimos abordando noutro dos programas 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio a Lei de Protección dos Dereitos e o Benestar dos Animais. Continuamos revisando esta norma que entrará en vigor o próximo 29 deste mes de setembro con Luís  Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra e presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia. 

Neste segundo podcast, facemos mención específica ao articulado que refire sobre as obrigacións que incumben aos gatos. Por exemplo a identificación e a esterilización, algo que a criterio de Núñez Desiré: "nas mascotas que teñen un propietario, non o vexo". Avanzando no seu artículado reitéranse conclusións xa mencionadas no programa anterior e é que non se precisan múltiples aspectos para a súa aplicación e seguimos atopando colisións con "cuestións que deberían ser competencia das administracións locais". É o caso da prohibición de animais en beléns, cabalgatas, procesións, romarías, eventos feriados...

Durante a charla seguen, de igual forma, xurdindo dúbidas que afectan e afectarán os propietarios de determinadas mascotas como son as condicións de habitabilidade ás que refire esta lei de benestar animal ou cal será o destino para aqueles animais que, unha vez entre en vigor deixe de estar permitida a súa tenencia. Pola contra, algúns aspectos si quedan meridianamente claros como é o feito de que os establecementos de mascotas non poderán seguir vendendo animais a partir do 29 de setembro de 2024; ou que esta normativa tamén "afectará negativamente a aqueles veterinarios que se especializaron en animais exóticos".

A modo de resumo final, Luís Núñez Desiré estima que "se quixo lexislar en moitas cousas sen concretar en nada".

Este podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.