RADIO.- Luis Bará: "Volver á política municipal nunca se pode descartar"

Pontevedra
20 de xuño 2019

Entrou na política municipal de Pontevedra cando o BNG era grupo da oposición. Fixo unha paréntese no bipartito da Xunta do PSdG e BNG e desde 2016 compaxina as súas funcións de deputado e concelleiro. Neste novo mandato xa non forma parte do equipo de Lores. Charlamos no Cara a cara de PontevedraViva Radio con Luís Bará

O deputado nacionalista Luís Bará no Cara a cara de PontevedraViva Radio
O deputado nacionalista Luís Bará no Cara a cara de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Luís Bará accedeu á corporación de Pontevedra en 1995, un mandato no que o Bloque Nacionalista Galego aínda era grupo da oposición. Antes fora candidato no municipio de Vilaboa. Nas seguintes eleccións municipais, a formación nacionalista accedía ao goberno local por primeira vez, onde seguen vinte anos despois. Fala do programa daquel 1999 como "unha biblia" que segue sendo a guía da acción de goberno.

Nestas dúas décadas, tivo unha paréntese para dedicarse á política autonómica durante o bipartito de Touriño e Quintana, entre 2005 e 2009; retomando a actividade municipal como concelleiro non electo en 2011. No seguinte mandato reincorpórase á corporación tras as eleccións.

Desde 2016 estivo compaxinando o seu cargo como concelleiro e como deputado no equipo de Ana Pontón. A súa presenza foi testemuñal na última convocatoria electoral ocupando o número de peche da candidatura. Esperan meses de intenso traballo, di en PontevedraViva Radio de cara ás autonómicas de 2020. 

Repasamos no Cara a cara o momento máis doce e o máis duro nas súas responsabilidades locais; dos proxectos dos que máis satisfeito está e os que lle gustaría ter concluído, de renovacións e ausencias na formación nacionalista de Pontevedra. Di sentirse máis a gusto na política máis próxima, a local; e aínda que agora o que lle ocupa é o Parlamento galego, non dixo un adeus definitivo ao Concello.