RADIO.- Manu Di Noto trae a PontevedraViva Radio a súa produción 'slap house' máis recente

Pontevedra
29 de xaneiro 2023

O mozo caldelano segue avanzando no seu obxectivo de facerse un oco entre os produtores de música electrónica. Volveu poñerse ante os micrófonos de PontevedraViva Radio

Manu Di Noto, productor de música electrónica
Manu Di Noto, productor de música electrónica / Mónica Patxot

Rendibilizar as producións musicais en plataformas dixitais non é sinxelo e menos aínda se non estás dentro do mainstream. Sábeo o caldelano Manu Di Noto que segue buscando o seu oco como produtor de música electrónica, en concreto de 'slap house'.

Na primavera do ano pasado visitou PontevedraViva Radio por primeira vez para falar dos seus inicios. Nove meses despois regresa para contar os seus avances. Realiza colaboracións con outros produtores internacionais como AXCS, Ricii Lompeurs ou Ade con quen asina a última composición subida á rede, xusto para concluír o 2022.

Tamén conseguiu que selos como Clipper's Sound, con quen xa fichara o ano pasado; ou Blanco y Negro, téñano na súa lista de produtores. Resulta máis complicado mostrar as súas calidades en directo "falta unha cultura deste tipo de música house", comenta no 'Cara a cara' Manu Di Noto. Con todo, vai aproveitando oasis nalgunha radiofórmula ou promotora que organiza algún evento.

Tes a ligazón audible xunto a esta información e tamén podes descargar o podcast 'Cara a cara' para escoitalo noutro momento.